Un léxico para a escalada en galego

Ola! Se estás a ler isto é que participas nesta tarefa de recopilar un léxico para a escalada en galego. Grazas.

Tiña moitas formas e empezar isto, xa van anos das miñas inquedanzas neste tema e recibín diferentes modos de afrontar algo que non imaxinaba tan complicado. Por fuxir do academicismo arranquei con algo que me apetecía, traducir un texto que teño como referente na miña forma de entender a escalada. Deste xeito propóñovos incorporar as vosas achegas a algo en movemento.

Póñovos en contexto:

En 1972 o catálogo de Chouinard Equipment, empresa de Yvon Chouinard en California, inclúe un ensaio titulado The whole natural art of protection, algo así como A completamente natural arte da autoprotección. O ensaio ía precedido dun breve texto asinado por Chouinard e Tom Frost invitando a unha reflexión colectiva sobre un problema que comezaba a terse na escalada dese tempo: o deterioro das fisuras polo emprego de pitóns.

Portada do Catálogo Chouinard 1972

Chouinard Equipment era coñecida por vender moi bos pitóns, era o seu principal produto, e non deixou de vendelos. Pero esta publicación tense como un referente en canto a ese difícil encontro entre interese empresarial e coidado do medio ambiente, neste caso a rocha. O xiro que propón o ensaio va máis alá de escalar con entaladores en vez de con pitóns, o asunto de fondo é o mesmo que está tras os debates que naceron en paralelo ao desenvolvemento da escalada deportiva ou o bloque, por non liarnos cos centos de perspectivas do alpinismo: o estilo, o como por riba do que.

Puíndo este borrador de tradución creo que podemos empezar a reunir un vocabulario galego dunha forma máis entretida que recopilando de memoria ou traducindo do castelán ou o inglés.

Algúns aspectos a ter en conta:

· A perspectiva de xénero na tradución deste texto.

· Polo de agora eu teño rastrexadas influenzas do italiano, o francés e o inglés no vocabulario da escalada en castelán e unha sospeita de palabra inglesa que chega a través do portugués ao vocabulario vigués (quickdraw = revólver = exprés).

· A escalada deportiva dos 80 bebe do francés, as xeracións actuais o fan de youtube en inglés.

· Todo o que vaiades apuntando

RECURSOS

· O PDF do texto en inglés

· Aquí teñen o catálogo escaneado

· Unhas notas sobre o que este texto significa na escalada en USA

· Tino Núñez ven de publicar en Ediciones Cordillera Cantábrica o primeiro (?) vocabulario da escalada en castelán

A miña intención é empregar esta páxina de forma dinámica a modo de anotacións para este proxecto.

GRAZAS A TODXS